Em galego

MANIFESTO POLO FEDERALISMO


Durante demasiado tempo as voces dos federalistas e as federalistas foron silenciadas polo paso irresistible daqueles que buscan afondar na diferenza para alimentar o seu poder.

No crecente turbillón de enfrontamento no que o nacionalismo español e o catalán se enlearon, alimentándose o un ao outro, queremos sinalar que aquí estamos, dispostos e dispostas a poñer en marcha un potente movemento cara ao federalismo, porque a nosa pulsión é a construción do común.

Por todo iso é necesario facer presente a idea de que España é plural, e que tódalas linguas e culturas que recolle están igualmente ligadas á súa idiosincrasia. Deste xeito, a diversidade cultural e lingüística non debe ser vista como unha ameaza senón, moi ao contrario, ser defendida sen complexos como factor enriquecedor porque, á marxe do ámbito territorial que abrangan, forman parte do patrimonio común.

Consideramos que o modelo territorial da Constitución de 1978 deu importantes resultados, permitindo integrar a diversidade dos distintos pobos de España dentro do mesmo proxecto común. Non obstante, comprendemos que existen problemas de fondo que non se poden obviar e que resulta necesario afrontar, algúns dos cales achan a súa causa nos intentos de uniformizar e recentralizar o Estado que emprenderon determinados sectores políticos e os seus corifeos mediáticos contra todo o que non se acomoda á súa visión homoxénea de España. Non son menores, neste sentido, a situación creada trala sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Autonomía de Cataluña nin o debate suscitado sobre a suficiencia do financiamento de Cataluña.

Dende a madureza da experiencia democrática das últimas tres décadas, cremos que o federalismo achegará solucións aos debates formulados e, sobre todo, que prové a forma na que se poden achar as solucións para o presente e para o futuro.

As persoas que subscribimos o presente manifesto entendemos o federalismo, ante todo, como un principio de organización social, do que se pode derivar unha determinada forma de organizar política e administrativamente un Estado, pero sendo a idea federal de moito maior alcance.

No núcleo da idea federal átópase o concepto do pacto entre cidadáns iguais dende a diversidade, para construír espazos comúns de cooperación. Na súa mesma esencia está o carácter dinámico do pacto e a súa capacidade para adaptarse a realidades cambiantes, pois este non é un constructo intelectual, senón o pacto realmente existente, que cada persoa establece coas demais, que cada xeración viva se dá para construír a sociedade en que vivimos.

Para o federalismo, a fonte de lexitimidade política é a razón humana e a vontade libremente expresada, e o poder político distribúese e flúe do particular ao xeral, de tal forma que a persoa ou entidade que cede parte da súa liberdade para construír un espazo común con outras, sempre retén máis liberdade que a que cede, e só pola libre asociación que así se establece asúmese a heteronomía e as súas obrigas.

O respecto mutuo, a confianza, a negociación e o equilibrio están na esencia mesma do federalismo, xunto coa idea de participación plena na formación da vontade común.

O federalismo é intrinsecamente incompatible coa dominación e a xerarquía, é horizontal e implica distribución do poder, coordinación e cooperación. Por iso, afirmamos que a idea federal contén o fermento dunha democracia radical.

Así é como os federalistas e as federalistas queremos construír a sociedade, e así é tamén como cremos que é mellor construír un Estado. De feito, compartimos a convicción que o federalismo é o horizonte de futuro para os pobos de España, de Europa e do mundo.

Posto que non subscribimos a tese que pretende que a cada Estado debe corresponderlle unha soa nación, nin tampouco a que pretende que a cada nación deba corresponderlle un Estado, nós defendemos a federación dos pobos en Estados plurinacionais. O federalismo, así, non nega nin evita a relevancia das identidades nacionais, na enorme complexidade das súas expresións, senón que permite e facilita o seu encaixe nunha construción política complexa á par que sólida, por estar cimentada na vontade política de construír a unión sobre a base da plena liberdade.

O Estado español, en concreto, debe asumir plenamente o seu carácter plurinacional e plurilingüístico, recoñecer abertamente a relevancia dos feitos nacionais, e realizar a súa transformación plena nun Estado federal, que permita e promova a articulación da diversidade nun nós civil que non nega as achegas que, dende a diferenza, se fan á construción do común, senón que precisamente se nutre delas.

Afirmamos que a igualdade non debe confundirse coa uniformidade, e o recoñecemento das especificidades nacionais non é óbice para asegurar a igualdade dos cidadáns e cidadás da federación no exercicio dos dereitos que lles recoñezan as leis.

Cremos que a transformación de España nun Estado plenamente federal require unha reforma da Constitución, que permita fundar un novo consenso democrático entre a súa cidadanía. Nesta reforma, débese articular o autogoberno dos Estados federados co goberno compartido no Estado federal e a participación na formación da vontade deste. Débese reformar o Senado para que sexa verdadeiramente unha cámara de representación territorial, como se debe conseguir unha auténtica repartición federal de poderes, revisalo papel do poder xudicial e da administración de xustiza, así como establecer os mecanismos non xerárquicos de cooperación e de participación, sen que esta enunciación sucinta esgote o programa de reforma. Débese incluír un federalismo fiscal que resulte nun pacto fiscal que parta dos principios de suficiencia, transparencia, corresponsabilidade, equidade e xustiza.

Cremos que a reforma da Constitución debe ser tamén unha oportunidade para afondar na lóxica democrática, dando resposta a moitas das cuestións que, en clara mostra da crise institucional e de representación que vivimos como colofón da crise económica que sufrimos, formuláronse dende distintos ámbitos sociais, con especial intensidade nos últimos dous anos.

Cremos que esta reforma debe servir tamén para situar o programa social da democracia en primeiro plano e garantir a súa execución. Non hai soberanía nin plenitude nacional posible se os cidadáns e cidadás non poden desenvolvelos seus proxectos de vida libremente, con autonomía e dignidade, se prosegue o proceso de desposesión material e de poder político que se está a consolidar nos nosos tempos. Sen avanzar na conquista da maior igualdade, liberdade e solidariedade posible, a mesma democracia se fai irrecoñecible como tal.

Vemos nesta reforma a oportunidade para consolidar unha democracia plena e avanzada, para reconciliar a inmensa maioría dos cidadáns cun proxecto compartido, así como para alcanzar o benestar común e o pleno recoñecemento da liberdade de cada persoa e cada pobo dos que han de formar a federación que nos propoñemos construír.

Invitamos a tódalas persoas que compartan estas ideas a subscribir este manifesto e a conxurarse para poñer en marcha un amplo movemento polo federalismo e o afondamento democrático.